Con Sumo Gusto
CON SUMO GUSTO é unha iniciativa financiada pola Deputación de A Coruña que pretende fomentar o consumo responsable entre as mozas e mozos da provincia dunha forma innovadora como é o teatro.
Camiñar, hoxe en día, cara un mundo máis xusto, sostible e solidario pasa necesariamente por cambiar os nosos hábitos de consumo, sendo conscientes das implicacións de escoller unha ou outra opción. CON SUMO GUSTO provoca nas espectadoras e espectadores unha autoanálise do seu estilo de vida, un descubrimento de novas formas máis sostibles de vida e consumo.
Trátase dun espectáculo teatral, baseado na técnica do Teatro do Oprimido, que reflicte, dunha maneira crítica, os patróns de consumo da maioría da sociedade actual, baseados nun sistema capitalista esgotado e extenuado. Pero sobre todo, amosa outras maneiras de consumir, outras maneiras de vivir, consumindo menos e consumindo mellor.
As directrices do espectáculo son os criterios do consumo responsable e do comercio xusto.
Pero o realmente novidoso da peza teatral non é só o seu contido, senón que as actrices e actores seguirán a metodoloxía do Teatro do Oprimido, creada polo dramaturgo e pedagogo AUGUSTO BOAL, inspirada na obra de PAULO FREIRE. Esta técnica, baseada na interacción directa co público, marca que en diferentes momentos do espectáculo, as actrices e actores deteñen o espectáculo e pídenlle ó público que analice o que está ocorrendo e que aporten solucións ó problema que se presenta. Establécese desa maneira un coloquio-debate que implica de maneira directa ó público asistente.
O espectáculo é representado pola compañía DINAMO TEATRO cunha dilatada
experiencia, con espectáculos de moi diferente formato. Ademais a compañía xa ten realizado diversos montaxes para Solidariedade Internacional.
A estrea tivo lugar no Auditorio de Padrón o 11 de Outubro de 2011 pero a obra xa foi vista no IES de Melide ó 19 de Decembro de 2011 e no Auditorio de Arteixo polas mozas e mozos do IES Manuel Murguía o 21 de Decembro do 2011.





