Solidariedade Internacional de Galicia

Archivo para la categoría ‘Uncategorized’

Asemblea Anual Ordinaria 2017 de SI Galicia

25/04/2017

O vindeiro sábado, 6 de maio de 2017, de 11:00 a 14:00 horas no CSC O Ensanche (rúa de Frei Rosendo Salvado,16 de Santiago de Compostela) terá lugar a ASEMBLEA ANUAL ORDINARIA de Solidariedade Internacional de Galicia.

Orde do día:

Se desexas participar pero non podes asistir, podes delegar o teu voto noutro socio/a. Solicita un cupón e fáinolo chegar por correo electrónico ou correo postal.

Prégase confirmar asistencia no teléfono 981 24 35 06 ou a través dun correo electrónico a direccion@solidaridadgalicia.org

Xunta Directiva

Solidariedade Internacional de Galicia

Posted in Uncategorized | No hay comentarios »

Salvados, polo comercio xusto

26/02/2016

Comercio xusto

O pasado domingo, o programa Salvados, conducido por Jordi Evole, amosounos unha realidade que hai moito tempo vimos denunciando dende Solidariedade Internacional. Pero isto non é novo, quizais sí o feito de que unha televisión xeralista o recolla na súa programación.

Pero o que vimos é tan só a punta do iceberg, quizais a consecuencia máis dramática dun modelo de consumo que nos invita a comprar unha prenda de vestir cada 9 días, que xa está a impoñer un cambio de tempada cada 15, que non contempla ningunha outra lóxica que non sexa a de maximizar os beneficios.

O noso consumo, hoxe, nútrese de condicións laborais que atentan contra a dignidade das persoas, que promoven a “neoescravitude” de moitas sociedades en países xa empobrecidos que ven así comprometida calquera posibilidade de desenvolvemento humano sostible.

O noso consumo, hoxe, ten consecuencias medioambientais irreversibles, un exemplo claro é o ocorrido no Mar de Aral ónde, o cultivo do algodón ten acabado practicamente co que fora o cuarto lago máis grande do mundo.

O noso consumo, hoxe, favorece o mísero desmantelamento dos nosos tecidos produtivos locais e con el as oportunidades de vida de moitas persoas.

O noso consumo, hoxe, ameaza a riqueza que supón a diversidade cultural da vestimenta tradicional. A producción e comercialización masiva dos produtos textis inundan os mercados locais de todo o mundo das mesmas pezas de roupa acabando coas tradicións de uso e elaboración.

O noso consumo, hoxe, concentra os recursos nunhas poucas mans. A obscenidade da riqueza dun home fronte a miseria de millóns de persoas.

Por todo isto, dende Solidariedade Internacional rexeitamos comportamentos empresariais que afecten ao medio ambiente, ás condicións laborais e de saúde de traballadores e traballadoras, á identidade cultural, a unha xusta redistribución dos recursos.

En materia laboal, reivindicamos condicións dignas. O que é xusto para nos é xusto para todo/as e, polo tanto, deben cumprirse uns dereitos laborais mínimos, non os “seus mínimos” sino uns mínimos que permitan levar unha vida que mereza a pena ser vivida. Cumprir co SMI de cada país se este apenas cubre as necesidades básicas non é digno, os accidentes in itinere tamén son accidentes de traballo e a empresa debe por todos os medios para evitalos, un traballador debe entender o que son unhas vacacións e, por suposto ter dereito a elas…

Pedimos aos consumidores que se interesen pola procedencia das prendas. Que pregunten SEMPRE aos dependentes/as das tendas se saben onde e como se fabrican estes produtos que teñen á venda e que omitan comprar se non o ven claro.

Dende Solidariedade Internacional de Galicia, queremos aproveitar este feito para seguir insistindo na importancia das alternativas que, coma o Comercio Xusto, pretenden facer dos nosos actos de consumo, expresións de activismo polo cambio cara un modelo económico ónde, as persoas, sexan o primeiro.

Dende S.I de Galicia imos seguir traballando, dende as nosas tendas, dende as nosas palestras, dende as nosa vida cotiá…sabemos que non é fácil pero somos moitos e moitas e non podemos deixar de intentalo.

Etiquetas:
Posted in Uncategorized | No hay comentarios »

Asemblea Anual Ordinaria 2015 de SI Galicia

03/11/2015

O próximo sábado, 7 de novembro de 2015, de 16:00 a 19:00 na Tenda de Comercio Xusto de Ourense (Rúa Bailén, 4) terá lugar a ASEMBLEA ANUAL ORDINARIA DE SOLIDARIEDADE INTERNACIONAL DE GALICIA.

Orde do día:

Prégase confirmar asistencia no teléfono 981 24 35 06 ou a través dun correo electrónico a direccion@solidaridadgalicia.org.

Posted in Uncategorized | No hay comentarios »

O MUNDO QUE QUEREMOS, unha aventura educativa para espertar conciencias

03/11/2015

Cada ano, dende Solidariedade Internacional de Galicia, esforzámonos para realizar un traballo conxunto con profesores, profesoras, alumnos e alumnas en centros de ensino de toda Galicia. Traballamos xunto con aqueles docentes que creen na educación como unha poderosa ferramenta de transformación social e invadimos as súas aulas, con ideas e actividades que contribúan a axudalo/as na súa labor. É o que chamamos Educación para o Desenvolvemento.

Que vivimos nunha sociedade globalizada e interrelacionada non é nada novo, pero debemos e necesitamos seguir recordándoo cada día, cada quen no súa pequena parcela de vida, indagando naqueles aspectos que nos fan cómplices, vítimas ou meros observadores dun sistema profundamente inxusto.

No caso de Solidariedade Internacional de Galicia e a través de todas aquelas iniciativas que, en palabras de Paulo Freire, nos permiten “ler a realidade” pretendemos contribuír a educar cidadás e cidadáns que sexan curiosa/os, que se sorprendan polo que ocorre, que sexan capaces de facerse preguntas, que coñezan as causas e as consecuencias das situacións que nos rodean, que coñezan que hai alternativas e se impliquen activamente na construcción da sociedade da que forman parte. En definitiva, propoñemos a solidariedade como unha forma de ser e estar no noso mundo.

Iso é o que move o traballo que a nosa organización realiza no eido da educación e a sensibilización.

Este mes de novembro, queremos presentarvos unha desas iniciativas que, por terceiro ano consecutivo, emprenderemos con 5 centros de ensino galegos que apostan por educar ás futura/os cidadáns dende unha perspectiva de cidadanía activa e participativa.

En O MUNDO QUE QUEREMOS, título elexido para este proxecto educativo, falamos varias linguas con distintos acentos. Compartimos realidades en diferentes contextos. Por iso sacamos as cámaras e afiamos os lapis e as voces, para contar as historias que se agochan nos nosos pequenos mundos.

Nesta iniciativa, queremos  explorar o potencial educativo da comunicación  promovendo a reflexión do alumnado e profesorado sobre a conexión existente entre as realidades  locais e as desigualdades globais, concienciando e implicando as novas xeracións na responsabilidade que todas e todos temos na construción dun mundo máis xusto e equitativo.

Para levar a cabo este obxectivo tan ambicioso, SI Galicia non está soliña, se non que contamos con outras ONGD socias e amigas de aquí e de alá: AGARESO, ACPP, Mundo Cooperante, Educo, Centolas e Tempo de Loaira e, dende O Salvador, contamos con APROCSAL e Radio Tehuacan, MUDHA dende República Dominicana e Radio Catió dende Guinnea Bissau.

Mentres coñecemos quenes serán os centros educativos que nos acompañen nesta viaxe durante o curso 2015/2016, invitámosvos a que vos somerxades na páxina web de O mundo que Queremos http://omundoquequeremos.org/ e así coñezades con mais detalle todas esas ideas e actividades que levamos ás aulas, para traballar en prol dunha cidadanía sensible co que pasa no noso mundo.

Posted in Uncategorized | No hay comentarios »

Foro de investigación en educación para o desenvolvemento e cidadanía global

09/10/2015

A Coordinadora Galega de ONGD, Solidariedade Internacional de Galicia, a Universidade da Coruña e Tempo de Loaira organizan os días 22 e 23 de outubro o Foro de investigación en educación para o desenvolvemento e cidadanía global. Será na Coruña, o primeiro día (22) na Facultade de Ciencias da Educación da UdC, e o segundo (23) no Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA).

O obxectivo deste Foro é reflexionar, debater e analizar o traballo que se está a levar a cabo no eido da Educación para o Desenvolvemento como ferramenta para a transformación social tanto en Galicia como no Estado español. As xornadas, ademais, terán lugar no marco do proceso de elaboración da Estratexia Galega de Educación para o Desenvolvemento impulsada pola Xunta de Galicia.

Neste enlace atoparedes o programa provisional.

Neste outro enlace podedes inscribirvos.

Para calquera dúbida podedes poñervos en contacto conosco (sensibilizacion@galiciasolidaria.org / 981 585 189)

Posted in Uncategorized | No hay comentarios »

Asemblea Anual Ordinaria 2014 de SI Galicia

01/04/2014

O próximo sábado, 5 de abril de 2014, de 11:00 a 14:00 na Tenda de Comercio Xusto de Pontevedra (Galerías da Oliva, local 4) terá lugar a ASEMBLEA ANUAL ORDINARIA DE SOLIDARIEDADE INTERNACIONAL DE GALICIA.

Orde do día:

Prégase confirmar asistencia no teléfono 981 24 35 06 ou a través dun correo electrónico a direccion@solidaridadgalicia.org.

Se desexas participar pero non podes asistir, podes delegar o teu voto noutro/a socio/a. Para iso, descarga e cobre o cupón do enlace que figura máis abaixo e fáinolo chegar por correo electrónico ou correo postal.

Cupón de delegación de voto (documento de Word)

Posted in Uncategorized | No hay comentarios »

Esta semana invitámoste ao teatro!

22/03/2014

Solidariedade Internacional de Galicia, en colaboración coa compañía catalana Xucrut Teatre presentan VAYA TELA!,
unha nova peza teatral coa que reflexionar sobre os nosos modelos de produción e consumo.

Da realidade dun taller de costureiras de Galicia, á actividade frenética dunha tenda. Somos o que vestimos? Vestímonos como somos? Situacións sobre o consumo de roupa cheas de humor para reflexionar e espir inercias cotiás.

Recolle as túas invitación nas Tendas de Comercio Xusto de Solidariedade Internacional de Galicia
ou en taquilla os días das representacións.

Vaya Tela!

Vaya Tela! forma parte da campaña que, baixo o mesmo título, está a impulsar Solidariedade Internacional de Galicia co obxectivo de informar, formar e ofrecer recursos para exercer un consumo máis responsable e ético.

Alumno/as de 15 institutos galegos participaron xa das distintas actividades propostas nesta iniciativa que rematará o vindeiro mes de maio coa celebración do Dia Mundial do Comercio Xusto nas principais prazas de diferentes vilas galegas.

Posted in Uncategorized | No hay comentarios »

COMERCIO XUSTO; construíndo pontes.

26/02/2014

Poucas veces temos a ocasión de compartir unha charla, ou mesmo un silencio, coas persoas que forman os grupos produtores de Comercio Xusto nos países “do Sur”. Cada día, nas tendas de S.I. Galicia, falámoslle á xente de que detrás de cada produto que compran hai unha historia, unha vida, un home ou unha muller e a súa familia cos mesmos soños cos nosos. E falamos da importancia que ese acto de consumo ten, do impacto que elexir mercar baixo os criterios de Comercio Xusto ou non ten na realidade deste mundo que compartimos.

Vimos da India, de ser recibidas en Calcuta pola Cooperativa CRC, que aglutina a 62 pequenos grupos artesáns de Comercio Xusto, e de poñerlle cara e voz a moitas desas persoas e historias que cada día atopades nas vosas tendas de Comercio Xusto en Galicia.

Viaxe á India

A India é un país sorprendente, cheo de matices e contradicións, de olores, sonidos e cores que non deixan indiferente a ninguén. Unha potencia tecnolóxica na que millóns de seres humanos viven na extrema pobreza, compartindo a rúa con montañas de basura. É a India do Taj-Mahal pero tamén do deshumanizado sistema de castas; a India da profunda espiritualidade nas súas infinitas manifestacións pero tamén a India das desigualdades, da indiferencia e da supervivencia; a India das indescriptibles paisaxes, as miradas profundas e sorrisos amables, pero tamén a India das máis baixas miserias humanas; a India dunha Calcuta que ben podería chamarse por veces “a triste Cidade da Alegría”.

Viaxe á IndiaCRC, dirixida con firmerza por Irani Sen, leva 40 anos sendo un oasis de esforzo pola equidade, a xustiza e o bo facer en medio de todo este aparente caos. Resaltamos o seu trato impecable, a súa calurosa e xenerosa acollida e a súa profesionalidade para con nós nesta breve pero intensa estancia en Calcuta. Da súa man tivemos oportunidade de visitar 3 grupos produtores de artesanía, textil e pel.

A un par de horas de Calcuta descubres un novo mundo. Pequenas “villages” nas que o ritmo é lento, a paisaxe tórnase xungla, os campos de arroz emerxen da auga rodeando os camiños, e as persoas parecen vivir pacífica e serenamente. En pequenas “aldeas” coma estas atopamos ao grupo “Bengal Craft” en Nalikul-Bondiphiur, integrado por 8 traballadores fixos e 50 mulleres máis que traballan a tempo parcial desde as súas casas. Desde este verde recuncho do mundo elabóranse os multicolores móviles de algodón que podedes atopar nas tendas de S.I. Galicia. Shika Das, Pampa Chaterjee ou Minuti Ghosh son 3 deses rostros, 3 mulleres que nos contaron cómo traballar nunha cooperativa na que os dereitos laborais, sociais e medioambientais son respetados, transformou para ben a súa vida.

O mesmo ocurriu en Phulia, onde compartimos xornada com Phulia Weavers, un pequeno grupo de artesáns do textil que realizan un traballo ESPECTACULAR en telares tradicionais que se traduce en tantos e tantos foulares, estolas ou bufandas que podedes mercar nas tendas de Solidariedade Internacional de Galicia. Aquí, Patrik Biswas e Pal Swapar foron duas das voces que falaron do sinxelo milagro que supón que establezcamos relacións comerciais XUSTAS entre o Norte e o Sur, o Sur e o Norte… salarios dignos, seguro médico, mellores condicións de traballo, un fondo común para momentos de desemprego..

Viaxe á India

E rematamos ruta com Allied Craft, un grupo situado no entorno máis urbano de Calcuta que leva 24 anos traballando dentro da cooperativa CRC, con 24 traballadores fixos e máis de 60 a tempo parcial desde as súas casas. Confeccionan con pel ecolóxica pequenas obras de arte que se convirten en bolsos, mochilas ou carteiras dunha calidade e manufactura extraordinarias.

Viaxe á India

Pero, en resumo, todos nos falaron do mesmo: da importancia vital que ten manter un sistema comercial humanizado, equitativo e equilibrado como é o Comercio Xusto. Falaron do impacto real que tivo e ten nas súas vidas poder traballar en cooperativas que respetan os seus dereitos, da incidencia que os nosos, os teus, actos de consumo teñen na existencia de millóns de seres humanos.

Cando o acto de consumir, de mercar roupa, artesanía ou alimentación, se volve un acto plenamente consciente e responsable, transformamos a vida de mulleres, homes, nenos e países; transformamos o planeta que compartimos. Deberiamos ter sempre presente qué tipo de casa, qué tipo de planeta queremos habitar. As nosas vidas son interdependentes, tod@s estamos ligados entre nós nesta pequena aldea que é a Terra. Imposible ignorar o sufrimento da metade da túa família, imposible a indiferencia ante a metade da túa aldea arrasada, imposible por máis tempo a ceguera nas mentes e os corazóns.

Viaxe á India

Un xesto, unha reflexión, un acto de consumo responsable e consciente son imprescindibles para o equilibrio. Urxe o compromiso. O noso pequeño traballo en Comercio Xusto é a semente para o voso grande xesto. Un mundo, unha humanidade. Por un consumo responsable e consciente.

Namasté.

Posted in Uncategorized | 1 Comentario »

Programa de Vacacións Solidarias 2013

29/05/2013

Por que participar?

Para ter a experiencia da túa vida! Coñecer a realidade que se vive en países do sur e achegarse á comprensión das causas da desigualdade e as súas posibles solucións.

Que é?

É unha oportunidade para coñecer de primeira man un proxecto de cooperación ao desenvolvemento, o traballo dunha ONG española e de ONG locais, pero sobre todo é unha oportunidade de coñecer, traballar e intercambiar con comunidades de países do sur que están a traballar na construción do seu propio desenvolvemento.

Por que participar?

Para ter a experiencia da túa vida! Coñecer a realidade que se vive en países do sur e achegarse á comprensión das causas da desigualdade e as súas posibles solucións.

Por que realizar esta experiencia con Solidariedade Internacional de Galicia?

Porque somos unha ONG con 26 anos de experiencia, e levamos 13 anos realizando este programa como un exercicio de transparencia das nosas actividades cara á sociedade. Temos oficinas en cada un dos países de destino, e son os e as cooperantes, xunto co persoal das ONG locais coas que traballamos en cada país, que coordinan a estanza das persoas que participan.

Cales son os destinos?

En 2013 hai cinco países de destino:

Bolivia: El Alto e La Paz.
Ecuador: Zona selva amazónica, Coca e ribeira do río Napo.
Haití: Departamento do Sud-Est, localidades de Belle Anse e Bainet.
Nicaragua: Managua.
Zona Natural da Casa Mance: Senegal, Gambia e Guinea Bissau.

E cales son os proxectos nos que participaría?

Bolivia: Promoción dos dereitos de saúde sexual e reprodutiva das mulleres e da loita contra a violencia de xénero. Para logralo traballamos conxuntamente con tres ONG locais:

Ecuador: Fortalecemento da estrutura e xestión turística comunitaria no Cantón de Aguarico para lograr o desenvolvemento sostible de comunidades indíxenas que viven na selva amazónica. Para logralo traballamos conxuntamente con:

Haití: Mellora das condicións de seguridade alimentaria, as capacidades de produción agropecuaria, a comercialización e o fortalecemento da sociedade civil das localidades de Belle Anse e Bainet. Para logralo traballamos conxuntamente con:

Nicaragua: Promoción dos dereitos das mulleres, adolescentes e nenas en situación de inequidad e violencia de xénero. Para logralo apoiamos o traballo de:

Zona Natural da Casamance: Contribución á seguridade alimentaria e a un medio saudable en Senegal, Gambia e Guinea Bissau. Para logralo traballamos conxuntamente con:

En que actividades colaboraría?

En Bolivia podes apoiar diferentes actividades como: formación a mozos e mulleres, actividades de comunicación como notas de prensa e apoio á emisión dos programas de radio comunitaria, ou coidado de nenos na gardaría.
10 prazas.

En Ecuador podes apoiar as comunidades indíxenas en traballos comunitarios de melloramento de infraestruturas ou mediante actividades de coidado e recreación de nenos e nenas. Así mesmo os voluntarios e voluntarias realizarán un pequeno tour similar aos que se ofrecen aos turistas, para que poidan avaliar a calidade dos servizos ofrecidos polas comunidades, e realizar propostas de melloramento destes.
8 prazas.

En Haití podes realizar actividades de apoio á estratexia de comunicación, actividades de reforestación, apoio técnico á Leitaría e a central de compras ou preparar e desenvolvese cursos de verán para mozos e adolescentes sobre artes ou oficios.
4 prazas.

En Nicaragua apoiaranse actividades de formación a través de talleres para nenas e mulleres, actividades socioeducativas vinculadas á arte e deportes, fortalecemento dos cursos do Centro de Formación Laboral para mulleres adultas e formación de docentes.
3 prazas.

Na Zona Natural da Casamance, podes apoiar en: actividades de reforestación, formación en loita contra o lume, seguimento ao uso de cociñas melloradas, ou en actividades agrícolas e na xestión agro-económica ou na elaboración de cartografía de base na segunda zona de intervención, ou participando na elaboración de SIG subrexional da metodoloxía PAGET ou en actividades de formación de informática.
3 prazas.

Que requisitos debo cumprir?

Para participar é necesario cumprir co perfil técnico requirido para cada actividade, ser maiores de 18 anos, estar comprometidos co traballo da organización e facerse socio/a de Alianza pola Solidariedade. Ademais debe cumprir cos requisitos sanitarios esixidos en cada país (vacinas).

En que datas?

As viaxes realizásense nos meses de xullo, agosto e setembro de 2013. As datas son fixas, é dicir son datas pechadas. Os billetes de avión están xa reservados polo que non é posible cambiar as datas nin de ida nin de volta.

Bolivia: 6 ao 28 de agosto
Ecuador: 3 ao 24 de agosto
Haití: 3 ao 24 de agosto
Nicaragua: 6 ao 28 de agosto
Zona natural da Casamance: 20 de agosto ao 9 de setembro

Canto custa?

Os billetes aéreos deben ser comprados por cada participante, na aeroliña e traxecto que prefira, pero en datas que coincidan coas do proxecto.

A continuación detaiamos o presuposto de manutención, desprazamentos internos no país, seguro de asistencia en viaxes e custos administrativos. Non inclúe custos de excursións turísticas, gastos persoais nin impostos de saída do país. Todos os custos deben ser cubertos por cada persoa.

Bolivia: Aloxamento en apartamento en sito céntrico (343 €), transporte dende o aeroporto ao lugar do proxecto e desprazamentos internos (145 €), alimentación (190 €), outros gastos en país (88 €), seguro de asistencia en viaxes con MAPFRE (11 €), administrativos e formación (90 €).
Total: 867€

Ecuador: Aloxamento en Quito e en diferentes comunidades da Rede de Turismo (222 €), transporte dende o aeroporto a Quito, Quito a Coca, e en Lancha dende Coca ata Aguarico (299 €), alimentación (226 €), outros gastos en país como auga, guías e entradas en parques naturais (168 €), seguro de asistencia en viaxes con MAPFRE (11 €), administrativos e formación (90 €).
Total: 1.016€

Haití: Aloxamento en Hotel con auga potable (724 €), transporte dende o aeroporto ao lugar do proxecto e aluguer de 4 x 4 para desprazamentos internos (743 €), alimentación (287 €), outros gastos en país (18 €), seguro de asistencia en viaxes con MAPFRE (11 €), administrativos e formación (90 €).
Total: 1.873€

Nicaragua: Aloxamento en Hostal (336 €), transporte dende o aeroporto ao lugar do proxecto e desprazamentos internos (67 €), alimentación (115 €), outros gastos en país (91 €), seguro de asistencia en viaxes con MAPFRE (11 €), administrativos e formación (90 €).
Total: 710€

Zona Natural da Casamance: Aloxamento en Hoteis en Dakar, Kolda, Kerewane e Bafata (775 €), transporte dende o aeroporto ao lugar do proxecto e desprazamentos internos (105 €), alimentación (600 €), outros gastos en país como visados (130 €), seguro de asistencia en viaxes con MAPFRE (11 €), administrativos e formación (90 €).
Total: 1.711€

Que debo facer se quero participar?

Se estas interesado/a envía un correo electrónico a direccion@solidaridadgalicia.org . O prazo de inscrición estará aberto ata cubrir as prazas ou ata un mes antes da viaxe.

Que condicións debo cumprir?

Todas as persoas participantes deben ter o seguinte perfil xeral:

Unha vez notificado que fuches seleccionado, a reserva farase efectiva ao ingresar o 50% do importe dos custos de manutención no prazo indicado. O pagamento do restante 50% realizarase 30 días antes da data de saída.

Todas as persoas seleccionadas para viaxar deberán realizar antes da viaxe actividades de formación presencial e on-line que serán de obrigatorio cumprimento.

Posted in Uncategorized | No hay comentarios »

11 de maio de 2013 Día Internacional do Comercio Xusto

09/05/2013

Nese día as organizacións solidarias de Galicia xúntanse nas súas prazas para dar demostración do que significa seguir o ideal dun comercio xusto e responsable.

Como todos os anos Solidariedade Internacional de Galicia participa activamente a ese proxecto para sensibilizar as persoas ao comercio solidario e para aproximalas a un xeito de pensar máis innovador.

A partir das 11:00

A Coruña: Praza de Pontevedra
Ourense: Rua de Paseo
Pontevedra: Praza Peregrina
Vilagarcía de Arousa: Praza de Galicia

O 11 de Maio 2013 en 73 países do mundo vaise celebrar o Día Internacional do Comercio Xusto.

Un día que ten a finalidade de recordar que existe unha alternativa ás formas ordinarias de comerciar que favorece a igualdade entre os traballadores, a calidade e a produción sostible e o coidado do medio.

Apoiando o comercio xusto favorécese a creación de novas canles comerciais innovadoras que respectan os valores socio-ambientais.

Terán presencia moitas outras organizacións que se involucran no comercio de produtos alimentarios e artesanía solidarios e tamén organizacións que se adican a outro tipo de comercio solidario como o de enerxías sostibles, economía social, arquitectura que respecta o medio e de banca ética; Intermón Oxfam, Labañou Solidaria, Zocamiñoca, Hábitat Social, Os Pico do Sol, Proxectos Mulleres Colleiteiras, Som Energia, One Reagge Band, A Casa Tomada, Bricolabs, Rainha Lupa, Rede de Troco Coruña, Tiruleque, Val de Barcia, Veloaivai, Leira Longa, Proxecto Integral, son as organizacións que confirmaron a súa presenza en A Coruña.

Na xornada haberá degustacións, charlas, xogos para os nenos; un espazo aberto para a participación e o diálogo,todo encamiñado a sensibilizar as persoas sobre consumo responsable e aproximalas á filosofía da economía social.

Nós, como consumidores, temos que ser responsables e apoiar este tipo de comercio e  economía social.

Por iso, o do 11 de Maio, será un día moi interesante para coñecer os valores do comercio xusto e tamén para pasar unha xornada diferente na que pode reflexionar sobre o noso xeito de consumir.

Programa

A CORUÑA

Hora: de 11:00 ata 21:00 horas
Lugar: PRAZA DE PONTEVEDRA
Organizacións: Proxecto Integral, Fiare, Intermón Oxfam, Solidaridade Internacional, Labañou Solidaria, Som Energia, Os Picos do Sol, Arquitectos sen Fronteiras, Proxecto Mulleres Colleiteiras, Veloaivai, Bicimensaxería, Tiruleque, Rede de Troco Coruña, Saca de Favores, Reciclín Reciclán, Taller de Polo, Á Casa, Tomada, Bricolabs, One Reagge Band, Zocamiñoca, Leira Longa, Rainha Lupa, Val de Barcia.

Actividades:

PONTEVEDRA

Hora: a partir das 11:00
Lugar: PRAZA DA PEREGRINA
Organizacións: Solidaridade Internacional de Galicia

Actividades:

OURENSE

Hora: a partir das 11:00
Lugar: RUA DOMINGO PASEO
Organizacións: Solidaridade Internacional de Galicia

Actividades:

VILAGARCÍA DE AROUSA

Hora: a partir das 11:00
Lugar: PRAZA DE GALICIA
Organizacións: Solidaridade Internacional de Galicia

Actividades:

Etiquetas:
Posted in Uncategorized | 2 Comentarios »

Boletín

Suscríbete al boletín

Suscríbete ó boletín de Solidariedade Internacional de Galicia e recibe información sobre as nosas actividades.

Redes sociais

Revista

Revista en PDF

Descárgate o último número da nosa revista.

Tamén podes consultar as nosas publicacións anteriores.

Catálogo

Catálogo de Comercio Xusto en PDF

Descárgate o catálogo para ver os productos de Comercio Xusto.

Podrás atopar estes productos nas nosas tendas.

El Tesoro de Acahualinca
Tecendo Historias de Muller
Non te consumas
Pobreza Cero
Asociación Fiare Zona Centro

Creación web: Máis Que Deseño 2009
XHTML Válido | CSS Válido

Solidariedade Internacional de Galicia | Vereda del Polvorín, 2 15002 - A Coruña | Teléfono: 981 24 35 06 | Correo electrónico: direccion@solidaridadgalicia.org

Web subvencionada por:

Xunta de Galicia - Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza