Campamentos Maias nos concellos galegos
Publicado o 19/07/2011 por admin
Solidariedade Internacional de Galicia en colaboración con Farmamundi, Acsur e Arquitectos sen Fronteiras convida aos nenos e nenas galegos/as a coñecer a historia e as reinvidicacións actuáis da poboación indíxena de Guatemala, especialmente as das súas mulleres.
Dende o pasado 4 de xuño e ata o vindeiro 21 de xullo, un total de 16 concellos galegos participan desta iniciativa na que os máis pequenos teñen a oportunidade de desfrutar dunha xornada de convivencia nun verdadeiro campamento maia. Ao longo de todo o día achéganse ao xeito de vida das poboacións maias a través de xogos e dinámicas encadradas no marco da educación ao desenvolvemento, na que se fusionan o xogo coa aprendizaxe de experiencias.
Esta nova proposta forma parte do proxecto de sensibilización “Coñecendo os Pobos, Achegando culturas” e é o resultado do labor coordinado destas 4 ONGD galegas que, o mesmo tempo, están a traballar xuntas en Guatemala no marco do Programa de Desenvolvemento Integral Oxlajuj TzIkin, na costa do pacífico sur de Guatemala. Impulsado pola Xunta de Galicia, este programa, en coordinación coas Municipalidades de Retalhuleu e Champerico busca contribuír ao crecemento de 18 comunidades mellorando as súas infraestruturas de habitabilidade básica e os seus servizos de saúde e educación; impulsando a soberanía destes pobos en materia alimentaria, incidindo ao mesmo tempo no fortalecemento comunitario e das súas institucións políticas.
Etiquetas: campamentos, maias





